Sunday 05 de May de 2024

A Pobra daralle a benvida a 2023 cunha festa do Aninovo


Tralas doce badaladas na noite do día 31 de decembro, entraremos oficialmente en 2023, polo cal serán moitas as persoas que sairán á rúa a celebralo. O municipio pobrense lanza unha festa coa cal ameniza-la madrugada do primeiro día do ano.

O concelleiro da Mocidade, José Andrés Lojo (Nós Pobra), e a súa homóloga da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), explican que se trata dunha acción para dinamiza-lo ocio nocturno nunha data tan significativa e dispor dun punto de encontro para a veciñanza.

O toldo da praza Alcalde Segundo Durán converterase en epicentro festivo da localidade coa música do Grupo Fussion, a partir das 00.30 horas, e de Cabina Chocolate, das 03.00 horas en diante. A entrada é libre ata completa-la cabida.

Os estilos serán para tódolos gustos, pois soarán temas dos anos 80 e 90, éxitos do pop e rock, ritmos latinos, reggaeton, electro e trap, ademais de cancións típicas de verbena.

Haberá tamén cotillón, photocall e barra da hostalaría.